A FIFA segue a comprar balóns de fútbol feitos por escravos

 MARGA TOJO.- Move miles de millóns ao día pero, trece anos despois do Acordo de Atlanta para limpar o sector, toleran a explotación dos que cosen as pelotas.

Un dos negocios máis poderosos e lucrativos do mundo, o fútbol oficial, transnacional, continúa a manter na súa dinámica de xogo hipercapitalizado vulneracións sistemáticas dos dereitos humanos. Unha delas consiste na violación dos dereitos laborais das persoas que traballan na industria dos balón.

Trece anos despois de que as empresas fabricantes asinasen o Acordo de Atlanta, no que se comprometían a limpar o sector, seguen a se lle presentar informes periódicos sobre a extrema explotación dos empregados, aos actores clave da industria do balompé, entre os que se atopan as marcas globais e a FIFA . A Federación Internacional de Fútbol Asociado (FIFA) que gratificará con 30 millóns de euros ao gañador do Mundial de Fútbol de Suráfrica, que lle pagará ao segudno clasificado unha prima 24 millóns, de 20 ao terceito, 18 ao cuarto, e desde a quinta á oitaba selección 14, segue sen tomar medidas ao respecto.

Por iso, e ante o inminente inicio da copa do mundo, a campaña Roupa Limpa, apoiada en España por Setem -ONG internacional establecida tamén en Galiza- publica o informe Missed the Goal for Workers: the Reality of Soccer Ball Stitchers, no que o Foro Internacional dos Dereitos Laborais aborda esta situación e fai un chamamento "urxente" á FIFA para que tome "cartas no asunto e limpe de vez a súa complicidade".

O informe revela que os traballadores que cosen balóns en Paquistán, India, China e Tailandia continúan sendo vítimas de violacións alarmantes dos seus dereitos laborais e que o traballo infantil segue existindo na industria de Paquistán e, tamén, na India e China.

O informe enumera como principais secuelas os problemas salariais e de horarios: os traballadores perciben rendas moi por baixo do mínimo legal establecido, a pesar de traballar entre case 13 horas diarias de media --nunha fábrica chinesa investigada os empregados cumprían unha xornada de 21 horas ao día, sen días de descanso- e a existencia de discriminación de xénero contra as traballadoras a domicilio, que son as que menos cartos reciben. Tamén destacan as deficiencias nas instalacións e a ausencia de auga potábel.

Para Ineke Zeldenrust, membro da Campaña Roupa Limpa, "é inaudito que logo de todos estes anos, a miseria salarial e outras violacións dos dereitos laborais sigan sendo a norma no canto da excepción". "A medida que os fans de todo o mundo se emocionan cos partidos que se aveciñan, unha parte do público espera que a FIFA e a industria de fabricación de balóns de fútbolse decida por fin a cumprir as súas promesas".

Na mesma liña, o secretario xeral da CSI, Guy Ryder, excplica que este organismo pediulle á FIFA "discutir medidas concretas que poidan tomarse para arrombar o sector". "É escandaloso que tantos traballadores sexan obxecto dunha explotación atroz nun sector que xera tantísima riqueza. Esperamos que a FIFA tome a iniciativa para asegurar un trato xusto".

Pola súa banda, o secretario xeral da Fittvc, Patrick Itschert, cre que "estas condicións son rotundamente inaceptábeis. A FIFA ten que tomar medidas específicas para que algo que ven millóns de persoas cumpra os dereitos humanos de todos os seus participantes".