AIS "O peto": Unha nova forma de relación económica o servizo das persoas

Os comezos…

No ano 2005 un grupo de persoas de distintos ámbitos decidimos comezar unha reflexión sobre a situación da sociedade e posibeis alternativas ante os moitos problemas que a afectan, sobre todo no referente ás desigualdades e falta de liberdade, determinada pola falta de oportunidades para moita xente en situación de carencia, é dicer, da súas condicións materiais de existencia. Pero como primeiro referente tiñamos a nosa responsabilidade social, é dicer, asumindo que nós somos responsabeis dos nosos actos e por tanto da construcción dun ou outro modelo de sociedade. Buscabamos algo diferente ás propostas que xa había, para cubrir problemas que non poden ser atendidos até o momento neses dous sentidos, na acción transformadora e na participación sociopolítica.

Existe unha inquietude por parte da xente de non contribuir a un sistema de dominación. Un sistema que no que respeita ao uso dos cartos, ten plena potestade e capacidade para investilos e afortalarse e expanderse; queríamos poder utilizar os nosos cartos para outros fins diferentes aos que propón o sistema bancario tradicional.

Acreditamos en que o principal causante da desorde establecida no noso mundo é o sistema económico, e, dentro del, o sistema financieiro. Para facerlles fronte coñecíamos algunhas alternativas como o consumo responsábel e o comercio xusto. Outra alternativa nova a afondar era o aforro solidario.

Esta iniciativa lévanos a repensar e ampliar o concepto de rendibilidade, incluindo a rendibilidade social, ademais da monetaria. Isto fainos caer na conta de que o noso aforro pode ser un instrumento de transformación social, ao servizo dun mundo máis xusto e solidario.

Hai persoas sensibilizadas ante a inxustiza e a desigualdade extrema no noso mundo. A moitas persoas que están comprometidas e traballan en diferentes ámbitos por ese “outro mundo posíbel” preocúpalles que os seus cartos, que soen estar dentro do sistema capitalista, estean ao servizo duns valores e intereses opostos aos deles: lucro ilimitado, especulación, competitividade, explotación, degradación medioambiental… Xa que nós, que estabamos en contra das empresas contaminantes, da industria armamentísitica, da discriminación salarial por xénero, da escravitude infantil, etc…, que actuábamos contra todo esto, mobilizándonos, combatendo de diversos modos…, os nosos cartos, os nosos aforros, as nosas nóminas, etc…, depositadas no sistema financeiro estaban subvencionando económicamente todo esto que queriamos combater. Tiñamos que dar resposta a esta análise.

Por tanto, trátase de rescatar os cartos e os aforros.

Na busca de alternativas de acción dos nosos cartos aparece o tema dos microcréditos, promovido por Yunus e que está dando moi bos resultados na India. Parece interesante, e non se coñecen propostas deste tipo na nosa zona. Así que se lle empeza a dar forma á idea, estudando formas de achegar este método á realidade da sociedade galega.

Madurando esta idea chégase á conclusión de que o mellor é crear unha asociación na que a xente poida invertir os seus cartos sabendo que estes non van ser utilizados para manter as situacións de inxustiza, senón que van servir para axudar a outras persoas. Desde o principio quérese que quede moi claro que non se trata de donacións, senón dunha forma diferente de invertir: en lugar de facelo para gañar máis cartos faise para promocionar persoas. Antepor o valor da persoa por riba do valor do capital.

Hai que dicir que a proposta foi recollida doutras similares, sobre todo da Asociación de Interese Solidario (AIS) de Sevilla, pero neste caso fixéronse modificacións segundo as circunstancias concretas ás que queriamos facer fronte.

¿Que é Ais O Peto?

É unha asociación sen ánimo de lucro que propón e alenta unha economía alternativa e solidaria onde se antepón o valor da persoa por riba do capital.

Pretendemos unha rotura progresiva coa xestión tradicional dos aforros e dos cartos, coa súa mentalidade e os seus hábitos. Contribuír ao abandono progresivo do lucro e especulación do sistema financeiro.

Alentamos á autoxestión pola sociedade dos seus propios recursos contribuíndo á mellor redistribución dos mesmos, á pedagoxía da solidariedade e á participación sociopolítica. Recuperando desta forma a centralidade do ser humano na construcción da sociedade.

Promovemos unha formación integral das persoas fomentando os valores de xustiza e solidariedade, que favorezan un cambio de valores nas nosas vidas, para así transformar a sociedade. E desta forma creamos as canles que permitan a participación activa e o traballo coordinado de quen está interesada/o nos múltiples aspectos da economía alternativa e solidaria.

Por último poderiamos dicir que poñemos en marcha os medios necesarios que faciliten a participación e/ou investimento de quen busca criterios éticos e unha rendibilidade social ao seu diñeiro.
 

¿Como funcionamos?
 

Decidimos que se funcionaría con participacións. Cada socio podería coller as participacións que quixera, invertindo así os seus cartos. As participacións son de 60 euros cada unha. Ademais, establécese que o 10 % de cada participación non pode ser recuperado, porque se considera que é necesario para o funcionamento da asociación. O concepto de inversión cambia bastante do tradicional.

Os aforradores ao poñer os seus cartos á disposición da sociedade no seu conxunto van perder unha cantidade automaticamente en beneficio da construcción dunha sociedade máis xusta, con maiores cotas de posibilidades, máis igualitaria e máis libre, xa que as condicións materiais que determinan o grao de liberdade son máis sinxelas de acadar, por medio dos préstamos.

A organización tamén ten algunhas peculiaridades. Tódolos socios/as, teñan invertido o que teñan, teñen o mesmo peso á hora de tomar decisións en asemblea. Aínda que existe unha xunta directiva para que o funcionamento sexa máis áxil, estas reunións da xunta directiva son abertas a tódolos socios e socias, podendo participar plenamente na toma de decisións.

Desta forma afóndase en dous conceptos: democracia e solidariedade: democrático, dotando da mesma “propiedade” ao socio/a por selo e non pola súa capacidade económica, deámonos conta que os valor obxectivo da cantidade de participacións mercadas hai que poñelo en relación co valor subxectivo do capital que ten cada persoa. Solidariamente, esta forma de participación interna resposta á tradición que hai en moitas correntes filosóficas, teolóxicas, políticas, etc…, que afondan en que é máis importante co que te quedas que o que das. Se tes pouco e das algo, ese “algo” ten igual ou máis valor que o que da “moito” tendo moitísimo. Desta forma o/a que ten moitas participación aprende que non pode ter unha relación de dominación co resto das socias e socios que teñan menos participacións que el/ela.

Quedaba por ver que era o que se facía cos cartos. Neste caso a opción por parte da asociación estivo relacionada co problema do emprego. Aínda que apareceron outras posibles vías de utilización había bastante consenso en considerar que a falta de emprego era un problema que afectaba a moita xente no noso entorno, sobre todo en colectivos determinados (inmigrantes, mulleres…), e que de cara á promoción, buscar vías de solución a ese problema era moi importante para o desenvolvemento da persoa. Estaba claro que se se conseguía que unha persoa puidera traballar iso repercutiría na solución doutros problemas tamén moi importantes (vivenda, manutención…).

Analizando que se podía facer nese campo pensouse no tema do autoemprego. Pola experiencia de moitas persoas que traballaban con estes colectivos víase que había moitos problemas para acceder a préstamos dos bancos, porque normalmente pedían un aval, que esta xente non podía ter, e os intereses non eran fáciles tampouco de amortizar. Así que se decidiu que se concederían préstamos para proxectos de autoemprego que doutra maneira non poderían conseguir, polas razóns que dixemos antes.

Estes proxectos, por suposto, tiñan que ser viabeis, porque se non non servirían para promocionar persoas, senón para facelos caer en máis problemas aínda. A supervisión da viabilidade ou non dos proxectos corre a cargo da Plataforma polo Emprego, ou doutras institucións que nos faciliten este estudo, na que traballan técnicos especialistas en cuestións de emprego que son os que presentan á asociación aquelas propostas que consideran que van ter éxito, e que sen a axuda da asociación non poderían saír adiante.

Mais na última asemblea xeral da asociación, celebrada hai tres meses, decidiuse abrir o abano da concesión de préstamos, é dicir, decidimos analizar outras situacións de urxencia económica que respostara a favorecer as condicións materiais das persoas e por primeira vez comezamos a incluír ás persoas xurídicas, en canto á posibilidade de adiantar os cartos concedidos por algunha subvención pero que ao retrasarse repercutiran moi negativamente nas posibilidades desas asociacións, tanto para manter as súas actividades, locales, etc… Do mesmo xeito que para as cuestións de adianto de bolsas de estudos, fianzas de pisos de protección etc…

Sempre se viu como algo tremendamente importante non só o feito de estar axudando realmente a persoas concretas (nos tres anos que leva funcionando concedéronse dez préstamos), senón sobre todo o que supón de enrequecemento para os/as socios/as, de posibilidade real de ter outra opción para invertir os seus cartos, e non entrar así nun sistema que xenera inxustizas. É realmente curioso que haxa 104 persoas que decidiran investir os seus cartos nesta asociación sabendo de antemán que xa teñen perdido o 10 %, por exemplo.

Outro aspecto que a asociación quere atender é a formación, tanto dos socios como en xeral para todos os que queiran coñecer outras formas de financiamento e da economía alternativa no seu conxunto. Tódolos anos se organizan unhas xornadas de formación, a través das que se pretende difundir e insistir na idea de que o sistema non é xusto e hai que buscar alternativas. Este é un dos principais obxectivos da asociación. Máis que conseguir socios e levar adiante os proxectos é fundamental crear nas persoas unha conciencia de que hai outras posibilidades de utilizar os cartos e que estas son reais, posibles, están funcionando.
 

¿Con que medios contamos?

Para que fora unha experiencia militante decidimos que esto tiñamos que facelo camiñar co sacrificio do traballo gratuíto dos socios/as e colaboradores/as, tanto no cumprimento dos fins da asociación como no seu funcionamento interno.

Outro piar fundamental era que o total do capital estivera formado polas participacións adquiridas. É dicer, nin subvencións, nin doazóns, todos os cartos aforrados é propiedade dos traballadores e traballadoras, xa que o importante era rescatar os nosos aforros e non tanto aumentar a capacidade de acción a costa de usar cartos que non foran nosos.

O noso investimento é non lucrativo de proxectos con rendibilidade social ou cultural e viabilidade económica, que poñen o centro de atención no traballo socialmente necesario para que a persoa poida ser protagonista da súa vida. É dicer, o tipo de xuro de todos os préstamos concedidos até o momento é do 0%, así que novamente somos nós, as socias/os aforradoras/es os que perdemos o valor anual dos cartos, e non usando o capital como mercadoría, senón como ben de cambio.
 

¿Que tipos de proxectos atendemos?
 

A primeira acción transformadora que facemos é existir, é dicir, o primeiro (e tal vez o máis importante) e fundamental do que facemos é demostrar que desinteresadamente, con austeridade e responsabilidade podemos combatir aínda que sexa a escala local a acción mais perversa do sistema financeiro. Desde logo somos conscientes que precisamos dunha estructura maior, de dotar á cidadanía dun banco de verdade, por iso estamos traballando na constitución no noso territorio do proxecto Fiare, que será esa estructura necesaria.

Para exemplificar os proxectos aos que atendemos expoñemos a continuación de forma esquemática e resumida as axudas concedidas:

1. Compra dunha furgoneta para negocio de fontaneria (3300 €). Creación dun posto de traballo. Xaneiro 2006.

2. Equipamento e existencias iniciais para empresa de produtos de limpeza para ganderia (5836 €). Creación de 2 postos de traballo. Xullo 2006.

3. Traspaso da caseta dun posto de venda nun mercado para unha muller con discapacidade (6900 €). Creación dun posto de traballo. Setembro 2006.

4. Equipamento para actividade artesá de pergamiños enmarcados. Un posto de traballo. (2000 €) Xaneiro 2007.

5. Acondicionamento, inmobilizados do local e primeiros gastos de execución dun restaurante de comida para levar (6000 €). 2 postos de traballo. Xuño 2007.

6. Posta en marcha dunha academia de clases de idiomas e de servizos de tradución (7000 €). 2 postos de traballo. Setembro de 2007.

7. Concesión de adianto dunha subvención para manter os postos de traballo nunha ONG. (9.000 €). Xuño do 2008.

8. Acondicionamento e primeiras mercadorías necesarias para abrir unha cafetería no Carballiño (6.000 €). 2 postos de traballo. Outubro 2008.

9. Adianto dunha bolsa de estudos a unha estudante estranxeira. (1.000 €) Febreiro do 2009.

10. Adianto dunha subvención a unha ONG para afrontar gastos necesarios para poder serguir a súa actividade de atención a inmigrantes. (1.000 €). Febreiro 2009.
 

A modo de conclusión…
 

A creatividade sigue sendo patrimonio de todas e todos, nós sabemos que non somos a resposta que o imperialismo precisa para rematar con el, sabemos que non somos o único camiño alternativo nin que as nosas análises son as únicas boas. Pero asumimos a responsabilidade de todo esto e sabémonos parte de todas as respostas necesarias para construir un planeta máis digno para todas e todos. Dicía Eduardo Galeano: “Son cousas pequeniñas. Non rematan coa pobreza, non nos sacan do subdesenvolvemento, non socializan os medios de producción e de cambio, non expropian as covas de Alí Babá. Mais cecais desencadenen a ledicia de facer e a traduzan en actos. E ao fin e ao cabo, actuar sobre a realidade e mudala, aínda que sexa un pouquiño, é a única maneira de probar que a realidade é transformábel”.

Nós queremos trasformar a realidade a creamos un mecanismo que poñemos a disposición de toda a sociedade para que axude a facelo, desta forma autorresponsabilizándonos de poder dar unha resposta ao sistema financeiro animamos a todas e a todos, compañeiros e compañeiras, amigas e amigos, a afortalar este proxecto para que cada día sexa menos testemuñal e máis combativo. E desta forma recuperar a nosa responsabilidade e liberdade para asumir a construcción da nosa sociedade con valores e intereses que pretendemos.