Banca ética, a outra economía

Andrés Villena-. Os bancos éticos destacan por atender especialmente a economía social, o ambiente, a cultura e a educación.

No medio dunha gravísima crise económica, provocada en gran medida polos excesos do mundo financeiro, hai cada vez máis persoas que se preguntan que fan os bancos e as caixas cos seus aforros. Neste sentido, parece abrirse unha oportunidade para un tipo diferente de entidades, que teñan máis énfase na transparencia e na participación horizontal en actividade e que, se é posíbel, vinculen os seus investimentos a actividades socialmente sustentábeis. Quizais chegue, para moitos, a hora dos denominados bancos éticos.

Que é un banco ético? É posíbel compaxinar a actividade bancaria e crediticia cos principios solidarios? Arcadi Oliveres, Profesor de Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Catalunya, diferencia as actividades destes bancos das do resto de entidades privadas, que na súa opinión se pervertiron nas últimas décadas. Para Oliveres, na banca ética, "a característica máis importante é a transparencia, que a xente saiba en todo momento que se está a facer co seu diñeiro".

Os bancos éticos destacan ademais por ter tres grandes ámbitos de actividade, tres áreas na s que investir prioritariamente os cartos dos seus clientes: "Por unha banda, a economía social, cooperativa, como empresas para discapacitados, iniciativas para xente sen emprego...; por outra, o ambiente, con entidades de carácter ecolóxico, de conservación dos bosques...; finalmente, unha vertente cultural e educativa".

Coas ideas moi claras

Estes son precisamente os principios fundadores de Triodos Bank, que leva máis de trinta anos traballando en Europa e, desde 2004, en España. O seu director, Esteban Barroso, explícanos por que Triodos non necesitou das axudas estatais ante a crise financeira: "Fundamentalmente, polo modelo de negocio que desenvolvemos: só investimos en economía real, en organizacións que xeran produtos e servizos necesarios en clave de sustentabilidade: agricultura ecolóxica, enerxías renovábeis, comercio xusto, apoio a grupos en risco de exclusión social...".

Outra das claves da súa autonomía é a súa estrutura internacional: "Ao abranguer a países como Bélxica, Holanda ou o Reino Unido, que captan máis fondos dos que invisten, podemos realizar investimentos nun país deficitario como España sen ter que recorrer a endebedarnos no mercado interbancario. Por todo iso, o banco está nunha forte situación de liquidez".

Moitas oportunidades de investimento

Nun contexto no que o crédito á economía real está practicamente paralizado, destaca o posicionamento de Triodos sobre España: "En España hai moitas oportunidades de investimento no ambiental, no cultural, no social, etc. Somos deficitarios en termos de recursos, pero o banco crece a máis do 50% anual en volume de clientes". Un aumento máis que notábel, que se cadra se podería achacar a unha reacción da opinión pública por mor da crise: "Parece que cada vez son máis as persoas que queren saber mellor de que xeito se xestiona o seu diñeiro e en que actividades se está a investir este".

Non lles obsesiona o crecemento: "Simplemente é un sinal de que o estamos a facer ben. Non é un obxectivo en si mesmo, o que pasa é que o que facemos ten sentido para moita xente e moitas empresas, que deciden xestionar a súa tesourería cunha institución como a nosa".

Non hai só un xeito de entender as finanzas éticas

Non é o único modelo de banca ou finanzas éticas existente en España. O outro exemplo salientábel, á marxe dalgunha cooperativa con fins estritamente sociais, é o da Fundación Investimento Aforro Responsábel (FIARE), establecida en España desde 2003, cando un grupo de persoas e movementos sociais, concienciados sobre as carencias existentes, decidiron pór en marcha unha iniciativa financeira bastante diferente ás predominantes.

Triodos Bank non é o único modelo de banca ou finanzas éticas existente en España. O outro exemplo salientábel, á marxe dalgunha cooperativa con fins estritamente sociais, é o da Fundación Investimento Aforro Responsábel (FIARE), establecida en España desde 2003, cando un grupo de persoas e movementos sociais, concienciados sobre as carencias existentes, decidiron pór en marcha unha iniciativa financeira bastante diferente ás predominantes.

Nada máis comezar a falar co seu director, Peru Sasia, vemos as diferenzas coas entidades tradicionais, pero tamén con outros bancos éticos: "Nós non somos un grupo de emprendedores que viu un nicho de mercado; entendemos que o reto da actividade financeira trae implícita a banca ética como un proxecto político". Deste xeito, o servizo do crédito muda nunha ferramenta coa que esta fundación, constituída por máis de 600 movementos sociais, aspira a transformar a realidade.

 

 

Participación, ademais da transparencia

Á parte, por suposto, da mencionada transparencia, en Fiare contan con outro alicerce: a participación. "Como buscamos orientar a intermediación financeira ao servizo de sociedades máis xustas, temos moi claro que necesitamos do concurso dos movementos sociais para definir ese obxectivo de xustiza: para nós pode ser máis importante loitar contra o desemprego ou os problemas dos inmigrantes que asuntos, por exemplo, como a agricultura ecolóxica. Coñecer os retos existentes esixe ademais proximidade ao territorio e, sobre todo, fiarse dos movementos sociais, cousa que non fixeron as caixas de aforro, que sempre os consideraron frouxos, febles ou pouco constantes".

A pesar de que os dous modelos de banca ética expostos entenden que a actividade financeira ten que estar ao servizo da economía real, en Fiare atopamos, ademais, un proxecto político ideoloxicamente moi definido: "Este sistema móvenos a sentirnos inseguros, moi fráxiles no noso traballo, a buscar maior consumo e seguridade, etc. O que conseguimos é, creando as condicións adecuadas, rescatar valores que estaban soterrados. E con iso comprobamos que podemos ofertar depósitos nos que o cliente pode chegar a renunciar ao tipo de interese; e vemos que hai moita xente que non morre por un bolígrafo ou por un punto máis de rendibilidade e que pode ser solidaria, cooperadora e austera no consumo".

"Un proxecto tan ao contraxeito ten que estar baseado en redes concéntricas de confianza, de boca a boca, etc. Retribuimos pouco o aforro, pero somos moi competitivos nos préstamos, porque entendemos que é a área na que máis temos que axudar".

Dun xeito ou doutro, parece que no panorama español hai unha oportunidade para determinadas entidades financeiras que estean dispostas a facer algo diferente. Pero cabería preguntarse o seguinte: por que teñen unha existencia marxinal a pesar do seu teórico bo facer?

Prexuízos e barreiras

Para Esteban Barroso, trátase dunha cuestión de hábitos: "Un vai ao banco, como moito, unha vez ao ano a pedir un préstamo. Pero o financeiro non ocupa un lugar central na nosa actividade diaria, como o consumo ou o traballo". Ademais, "falta o achegamento físico, o recoñecemento e imaxe de marca –se non ves todos os días un banco na rúa é coma se este non existise–, etc. Necesitamos por iso unha maior "cultura financeira", por chamalo dalgún xeito.

Barroso exemplifica este desexábel nivel de cultura financeira cun exemplo gráfico: "Cando vas ao banco, non lle preguntas ao empregado cando che van devolver o diñeiro depositado, como van xerar o beneficio para poder devolvelo no seu momento, que tipo de interese aplicarán noutras operacións para iso... Con todo, cando o banco te empresta os cartos, a ti faiche moitas preguntas". Por que non facer que as cousas sexan doutro xeito?

Cando se vai máis aló da información superficial, atópanse moitas vantaxes neste tipo de sector. O Profesor Arcadi Oliveres fai referencia á elevada solvencia destas entidades como un dos seus principais activos: "Estes bancos teñen moita maior solvencia da que poida ter un gran banco ou unha caixa de aforros. Non especulan co diñeiro dos depósitos, cando os grandes problemas da crise financeira viñeron da especulación inmobiliaria". Todo parece indicar que a actual arquitectura financeira ten erros moi importantes. Quizais sexa o momento de probar algo diferente, polo ben de todos.