O fascismo financeiro

Boaventura de Sousa Santos. Hai doce anos publiquei, por convite do Dr. Mário Soares, un pequeno texto –Reinventar a Democracia– que, pola súa extrema actualidade, non resisto á tentación de evocar aquí. Nel considero eu que un dos sinais da crise da democracia é a emerxencia do fascismo social. Non se trata do regreso ao fascismo do século pasado. Non se trata dun réxime político, mais antes dun réxime social. En vez de sacrificar a democracia ás esixencias do capitalismo, promove unha versión empobrecida de democracia que torna des-necesario e mesmo inconveniente o sacrificio. Trátase, pois, dun fascismo pluralista e, por iso, dunha forma de fascismo que nunca existiu. Identificaba entón cinco formas de sociabilidade fascista, unha das cales era o fascismo financeiro. E sobre este dicía o seguinte.

O fascismo financeiro é se cadra o máis virulento. Comanda os mercados financeiros de valores e de moedas, a especulación financeira global, un conxunto hoxe designado pola economía de casino. Esta forma de fascismo social é pluralista de mais, na medida en que os movementos financeiros son o produto de decisións de investidores individuais ou institucionais espallados por todo o mundo e, de feito, sen nada en común senón o desexo de redibilizar os seus valores. Por ser o fascismo máis pluralista é tamén o máis agresivo porque o seu espazo-tempo é o máis refractario a calquera intervención democrática. Significativa, a este respecto, é a resposta do corrector da bolsa de valores cando lle preguntaban o que era para el o longo prazo: "longo prazo para min son os vindeiros dez minutos". Este espazo-tempo virtualmente instantáneo e global, combinado coa lóxica de lucro especulativa que o sustenta, revisa un inmenso poder deiscrecional ao capital financeiro, practicamente incontrolábel a pesar de suficientemente poderoso para abalar, en segundos, a economía real ou a estabilidade política de calquera país.

A virulencia do fascismo financeiro reside en que el, sendo de todos o máis internacional, está a servir de modelo a institucións de regulamentación global crecentemente importantes a pesar de pouco coñecidas do público. Entre elas, as empresas de rating, as empresas internacionalmente creadas para avaliar a situación financeira dos Estados e os consecuentes riscos e oportunidades que eles ofertan aos investidores internacionais. As notas atribuídas –que van de AAA a D– son determinantes para as condicións en que un país ou unha empresa dun país pode acceder ao crédito internacional. Canto máis alta a nota, mellores as condicións. Estas empresas teñen un poder extraordinario. Segundo o columnista do The New York Times, Thomas Friedman, "o mundo da posguerra fría ten dúas superpotencias, os EUA e a axencia Moody’s". Moody’s é unha desas axencias de rating, a carón da Standard and Poor’s e Fitch Investors Services. Friedman xustifica a súa afirmación engadindo que "se é verdade que os EUA poden aniquilar un inimigo utilizando o seu arsenal militar, a axencia de cualificación financeira Moody’s ten poder para esganar financeiramente un país, atribuíndolle unha mala nota".

Nun intre no que os debedores públicos e privados entran nunha batalla mundial para atraer capitais, unha mala nota pode significar o colapso financeiro do país. Os criterios adoptados polas empresas de rating son en gran medida arbitrarios, reforzan as desigualdades no sistema mundial e dan orixe a efectos perversos: o simple ruxeruxe dunha próxima descualificación pode provocar unha enorme convulsión no mercado de valores dun país. O poder discrecional destas empresas é tanto maior canto lles asiste a prerrogativa de atribuíren cualificacións non solicitadas polos países ou debedores visados. A virulencia do fascismo financeiro reside no seu potencial de destrución, na súa capacidade para lanzar ao abismo da exclusión a países pobres enteiros.

Escribía isto ao pensar nos países do chamado Terceiro Mundo. Non podía imaxinar que o fose recuperar ao pensar en países da Unión Europea.