"O traballo galego está sendo exemplificante"

Nova do Galicia Hoxe aquí

¿A crise económica favorece a confianza cara a un modelo alternativo como a banca ética?

En ningún caso unha crise que denigra a condición da cidadanía e pon o cidadán nunha posición de sumisión ante poderes financeiros que pactan o destino da sociedade polas súas medidas de presión é unha condición positiva para nada. O que é certo, e que se evidenciou a todas luces, é que aquí o que importa é a perra. E que os criterios da banca e as súas grandes dotes de presión ós gobernos democráticos o que fan é antepor o valor dos cartos que as necesidades das persoas. Se isto trasloce unha aposta máis decidida pola banca ética? Non me atrevería a tanto. Sobre todo porque agora, por exemplo, no proxecto de consolidación da banca ética hai que achegar capital social e isto ten que saír dos aforros da cidadanía e os aforros da cidadanía están bastante fodidos.

¿Cre que este modelo chega tarde a Galicia?

A análise é moito máis complexa. En Italia, un dos factores que condicionan o xurdimento da banca ética é que o número de caixas de aforro é cero. O proceso de fusión de caixas que se acaba de iniciar xa rematou en Italia hai dez anos. A situación é diferente. Non creo que na Galiza se chegara tarde. Os seis ou sete anos de traballo de AIS O Peto no mundo da banca ética parabancaria é unha das máis importantes dentro do Estado: en tempo traballado, volume de capital... No crecemento interterritorial de Fiare, Galicia non é das últimas en sumarse ó proxecto. E a composición propia do que é o suxeito activo dentro da territorial de Fiare Galicia é o máis dinámico, sen dúbida. Somos a máis heteroxénea que hai: é a única que ten dúas organizacións ecoloxistas, outra a punto de entrar, un sindicato labrego, parroquias e asociacións católicas, algunha cooperativa de consumo polo medio, de comercio xusto... O traballo está sendo exemplificante.

¿Como valora o proceso de fusión das caixas?

É un proceso de bancarización, que supón a inevitable desaparición das caixas en canto a un elemento financeiro totalmente vencellado a un lugar xeográfico. Hai 20 ou 30 anos existían as caixas do comercio, da mina... sustentadas por unha realidade onde se movía. A fusión leva un proceso de separación coa cidadanía e mercantilización.