Para os pobres, mercado

  Atilio Borón-.

A diferenza do ocorrido coas grandes empresas oligopólicas, o “rescate” dos pobres queda en mans do mercado. Para os ricos hai estado, os pobres terán que leirar co mercado. E se aparece o estado é para reprimir ou desorganizar a protesta social...

Son moitas as probas que, na actualidade, demostran a inviabilidade do capitalismo como modo de organización da vida económica. Un dos seus máximos apoloxistas, o economista austríaco-americano Joseph Schumpeter, gustaba de argumentar que o que o caracterizaba era un continuo proceso de “destrución creadora”: vellas formas de produción ou de organización da vida económica eran substituídas por outras nun proceso virtuoso e de ininterrompido ascenso cara a niveis crecentes de prosperidade e benestar.

Porén, as duras réplicas da historia demostran que se produciu un desequilibrio cada vez máis acentuado na ecuación schumpeteriana, a resultas do cal os aspectos destrutivos tenden a prevalecer, cada vez con máis forza, sobre os creativos: destrución cada vez máis acelerada do medio ambiente e do tecido social; do estado e as institucións democráticas e, tamén, dos produtos da actividade económica mediante guerras, a obsolescencia planificada de case todas as mercadorías e o malgasto sistemático dos recursos produtivos.

Unha nova proba desta inviabilidade xa non a longo senón a medio prazo do capitalismo outórgao a súa escandalosa incapacidade para resolver o problema da pobreza, tema que nestes días está sendo discutido no marco da Asemblea Xeral da ONU. Malia os modestos obxectivos expostos polas chamadas “Metas do Milenio” para o ano 2015 -entre os que é de salientar a redución da poboación mundial que vive con menos de 1,25 dólares ao día-, o certo é que nin sequera tan austeros (por non dicir insignificantes) logros poderán ser garantidos. De feito, se a nivel mundial se produciu unha relativa mellora isto debe atribuírse ás políticas seguidas por China e a India, que se apartaron considerabelmente das recomendacións emanadas do Consenso de Washington. Máis aló disto sería interesante que os tecnócratas do Banco Mundial e do FMI explicasen como podería cualificarse a unha persoa que tendo superado o fatídico nivel do 1,25 dólar por día gaña, por exemplo, 1,50. Deixou de ser pobre? É un “non-pobre” por iso? E que dicir da estabilidade das súas miserentos ingresos nun mundo onde aquelas institucións pregoan as virtudes da flexibilización do mercado laboral?

Esta incapacidade para enfrontar un problema que afecta a máis de mil millóns de habitantes -cifra que había medrar extraordinariamente se, mesmo desde unha visión economicista, situásemos a liña da pobreza nos 2 dólares diarios- vólvese motivo de escándalo e abominación cando se lembra a celeridade e xenerosidade con que os gobernos do capitalismo avanzado se abalanzaron con centenares de miles de millóns de dólares ao rescate dos grandes oligopolios, botando pola borda toda a baleira verba do neoliberalismo. O rescate aos grandes oligopolios financeiros e industriais, segundo informa a Axencia Bloomberg, de clara identificación coa “comunidade de negocios” norteamericana, custaba, até finais do ano pasado e por diferentes conceptos, “un total de 12,8 millóns de millóns de dólares, unha cantidade que se achega moito ao Produto Interior Bruto (PIB) do país”. En cambio, a “Axuda Oficial ao Desenvolvemento” (AOD), que fora fixada pola ONU nun irrisorio 0,7 % do PIB dos países desenvolvidos, só é respectada polos países escandinavos e Holanda. Datos dos últimos anos revelan que, por exemplo, Estados Unidos destinou á AOD só unha fracción do acordado: o 0,17 % do seu PIB, mentres que o Estado español achegaba o 0,24 e Italia o 0,15 %. Os principais países da economía mundial, nucleados no G-7, dedicaron á cooperación internacional apenas o 0,22 % do seu PIB. A diferenza do ocorrido coas grandes empresas oligopólicas, o “rescate” dos pobres queda en mans do mercado. Para os ricos hai estado, os pobres terán que leirar co mercado. E se aparece o estado é para reprimir ou desorganizar a protesta social. Alguén dixo unha vez que as crises ensinan. Levaba razón.