Taibo: "O decrecemento é o futuro se queremos facer fronte a esta senrazón"

F. Franco (Faro de Vigo / Altermundo).   O decrecemento é o futuro necesario se queremos facer fronte a este despropósito que alaga o noso presente planetario, que se nos vai das mans se non facemos un auténtico cambio de valores. Esa idea expresou onte no Club FARO o catedrático de Ciencia Política, Carlos Taibo, cuxa charla aludía no seu título precisamente a iso: "En defensa do decrecemento".

 

Presentado polo biólogo e director de Altermundo Manoel Santos, a tese central deste profesor de ideas nítidas, verbo áxil e discurso en contra das verdades oficiais é que non podemos seguir producindo á conta dos recursos limitados do planeta, dos cidadáns do Terceiro Mundo ou incrementando o cambio climático. Un dos grandes mitos da economía oficial –afirma– é o do crecemento. Dise que o crecemento xera cohesión social, que facilita o asentamento dos servizos públicos e que dificulta o crecemento do desemprego e da desigualdade. A el parécelle que sobran as razóns para cuestionar todo isto. O crecemento económico, di, non provoca necesariamente cohesión social, e tradúcese a miúdo en agresións ambientais literalmente irreversíbeis, facilita o esgotamento de recursos escasos que non van estar a disposición das xeracións vindeiras e sitúanos nun marco dun modo de vida escravo que nos aconsella concluír que seremos máis felices cantos máis bens consumamos.

 

Por que acusa de escravo o modo de vida da sociedade capitalista neoliberal? Segundo este profesor, que acaba de publicar na editorial Catarata "A súa crise e a nosa" tras aquel anterior "En defensa do decrecemento", porque nos invita a concluír que imos ser máis felices cantas máis horas traballemos, máis diñeiro gañemos e máis bens acertemos a consumir. Fala Taibo de tres alicerces deste "despropósito": o primeiro é a publicidade que nos obriga a comprar o que non necesitamos, o segundo é o crédito que nos permite conseguir os recursos aínda cando carezamos formalmente deles, e o terceiro é a caducidade, os bens están programados para que non funcionen nun período de tempo breve.

 

E cal sería o "miolo", o núcleo desta proposta de decrecemento? Taibo cre que deberiamos deixar de consumir por unha banda, e pola outra exercer presión para que aquelas empresas que se dedican a producir bens lesivos para a natureza deixen de facelo. Matizando, a aposta é na súa opinión por pechar parte da actividade en industrias como a automobilística, a militar, a da aviación, a da construción ou a da publicidade, por propor cinco exemplos. E que fariamos cos millóns de traballadores en desemprego de resultas do anterior? Pois por unha banda colocalos nunha economía social e ambiental que ten que medrar e pola outra repartir o traballo nos sectores económicos que permanecerían sobre o terreo.

 

Tras a proposta de decrecemento hai, segundo afirmou, unha crítica aos efectos negativos do crecemento. O crecemento do mundo occidental, di, traduciuse en dúas circunstancias importantes que teñen que ver, non xa co crecemento, senón co propio capitalismo. A primeira fálanos segundo el dun sistema incapaz de resolver os problemas vitais da maioría dos habitantes do planeta. E a segunda refírese ao despregamento de procedementos de agresión contra a natureza que pon en perigo a vida da especie humana. "Con iso non estou a afirmar que en todo momento o crecemento sexa un factor negativo", matiza.

Trae consigo o decrecemento un modo de vida máis libre? A resposta de Taibo non ten dúbida na súa formulación. Segundo as súas palabras, polo menos pode traelo. Invítanos a liberarnos de determinadas ataduras e a ser máis conscientes do que facemos. A aposta de quen defenden o decrecemento, explica, é xerar un escenario no que traballando menos, consumindo menos e dedicando máis tempo á vida social, a calidade da nosa vida acrecéntese sensibelmente. Ou sexa acrecentaría o tempo dedicado á vida social, en detrimento do consumo, a produción ou a competición.


Tirado de Faro de Vigo